LOS JINETES DEL TRÓPICO, SOFÍA ESPIÑEIRA E BELÉM TAJES, SERÁN AS ENCARGADAS DE REINTERPRETAR A TRADICIÓN MUSICAL GALEGA NA RESIDENCIA ARTÍSTICA MANS. XUNTANZA CREATIVASofía Espiñeira, Belém Tajes e Los Jinetes del Trópico son os artistas escollidos para participar en #MansXuntanzaCreativa. Unha residencia artística-creativa organizada por Fundación Paideia Galiza ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia. As tres bandas convivirán en Estudios Mans entre o 8 e 12 de outubro para crear e gravar un tema no que exploren a reinterpretación da tradición musical galega, achegándoa a novos estilos e sonoridades.
Este proceso de colaboración creativa quedará ademais recollido a través dunha peza audiovisual que amosará a experiencia que atravesan as bandas participantes: a fusión de experiencias, estilos e coñecementos, a mestura de instrumentos e sonoridades, o conflito na creación, as ideas brillantes…
A cantautora mugardesa Sofía Espiñeira defínese como unha artesá de cancións e tecedora de historias. A través dun estilo persoal que bebe da música de raíz, Sofía Espiñeira mestura tradición e reflexión social nunha viaxe entre o pequeno e o universal, o íntimo e o público, a lixeireza e a profundidade.
Belém Tajes, cantante, compositora e especialista en musicoterapia, nada en Bos Aires mais enraizada en Camariñas, formou parte como cantante na xira XXX Aniversario da mítica banda Luar na Lubre, actuando en escenarios de París, Londres, Bélxica… Ven de lanzar “Pájaro negro”, single de presentación dunha nova etapa como solista, adianto do que será o seu primeiro disco “Costa da Morte”.
A banda viguesa Los Jinetes del Trópico naceu en 2016 cun marcado estilo que achega o folklore aos ritmos tropicais da verbena galega: da cumbia ao reggaeton. Mesturando a electrónica con instrumentos de vento e percusións tradicionais, levan publicado xa seis EPs con éxitos como “Cadeleo” ou “Namoreime dunha pulpeira”.A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA-ESTUDIOS MANS E A SÚA APOSTA POLA MÚSICA EMERXENTEEsta iniciativa ten como finalidade poñer en valor e a darlle visibilidade ao talento da mocidade emprendedora no sector musical. Enmárcase nunha das liñas de traballo da Fundación Paideia e de Estudios Mans dirixida ó fomento do emprendemento musical. Ademais da promoción das bandas emerxentes, desde Estudios Mans tamén se traballan outras áreas como a gravación, con propostas dirixidas ás/ós músicas/os emprendedoras/es ou a formación dirixida a que as/os artistas poidan poñer en marcha o seu proxecto musical a través de diferentes ferramentas que lles permitan profesionalizarse e deseñar o seu plan de negocio.